Plan de traballo:

O plan de traballo previsto para as diferentes dimensións contémplase de forma flexible atendendo as peculiaridades da investigación e as problemáticas que vaian xurdindo.

DESEÑO DE INSTRUMENTOS E TRABALLO DE CAMPO (ata o 15 de decembro de 2012)

É de resaltar que esta investigación abordarase mediante a metodoloxía cualitativa, a través de instrumentos de recollida de información narrativa fundamentalmente. Este tipo de metodoloxía posibilita o coñecemento da situación analizada desde a súa propia idiosincrasia (González Cubillán, 2009).

 

As tarefas máis salientables desta dimensión son as seguintes:

- Elaboración dos instrumentos para a recollida de información

- Ante a inexistencia no mercado de protocolos contextualizados e que respondan os obxectivos planeados nesta investigacións elaboraranse os instrumentos ad hoc. Neles terase en consideración, cando proceda, un primeiro apartado relativo ós datos de identificación dos participantes, baixo o anonimato.

Relato
Para o deseño deste protocolo é necesario elaborar unha pregunta aberta que permita indagar sobre o abano de novos recursos tecnolóxicos dos que dispón o alumnado do campus de Ourense, e en xeral ó redor dos obstáculos derivados da fenda dixital que atopa para uso das TIC, principalmente, na súa formación universitaria.

Entrevista
Na elaboración do guión teranse en conta diferentes preguntas de tipo semiestructurado, co obxecto de averiguar as dificultades que atopa o alumnado para a conectividade a internet dentro e fora do campus, a tipificación de prácticas que leva a cabo para a formación universitaria en diferentes carreiras dos ámbitos de coñecemento, e aquelas outras que deixa de realizar indagando sobre as dificultades que se lle presentan, en particular no referido a fenda dixital.

Notas de campo
Para a recollida de notas de campo será necesario elaborar un calendario de traballo e técnicas de clasificado da información. Esta recollida permitirá a localización dos puntos de conectividade a internet gratuítos e o seu fotografado posibilitará ilustralos, tanto na cidade de Ourense coma no resto da provincia coa finalidade de elaborar un mapa, folleto ou catálogo.

 Delimitación da mostra de estudo e recollida de información
A poboación obxecto de estudo é o alumnado do campus de Ourense que reside na provincia. Entrelazarase a recollida de datos coa súa análise ata determinar a suficiencia e saturación dos resultados, en base a cal se definirá o número total de participantes e a súa tipoloxía.

Por outra banda, os criterios de mostreo tamén estarán relacionados coa accesibilidade que se teña os/as participantes. Os relatos serán realizados de forma escrita e as entrevistas segundo a dispoñibilidade desenvolveranse de modo oral ou escrito con carácter individual, mentres que os investigadores/as tamén recollerán notas de campo e farán fotografías, así coma a persoa de apoio para a localización dos puntos gratuítos de conectividade a internet provinciais.

ANÁLISE DE DATOS  (do 1 de outubro ó 15 de decembro de 2012)  
A análise aplicada ó contido da información recollida desenvolverase co programa de Analysis of Qualitative Data (AQUAD), na súa versión seis. Realizarase en varios momentos segundo se vai recollendo a información e preparando para a codificación. Estes análises posibilitarán a obtención de resultados globais do conxunto dos mostreados/as, parciais de cada participante, así coma por titulación e/ou ámbito de coñecemento impartido no campus.